
Tenue : Arcos, Bóvedas, Pórticos

歌词
1. INQUIETUDE
Son un ecosistema roto dende fóra,
Un monumento privado de poder;
Unha mirada murcha atravesando o espello
Cara contornos de monte raso.
Un páramo descarnado.
Quen pode salvarse alí dunha estampida do ego?
Afiei o coitelo nas miñas enxivas
E agora estoumo cravando.
Cada vez máis fondo.
Cada vez máis dentro.
Sentindo desprezo polo meu refuxio primario.
Quen pode salvarse se cada minuto de soidade
Encerra unha choiva de golpes,
Unha fervenza de bágoas,
O berro de mil monos nunha noite sen lúa.
Son un monólito carente de potencia,
Desafecto de paixóns, corrompido ata o núcleo.
Cinco dedos, unha cara, e unha boca chea de mentiras.
Un espírito fráxil enfrontando ao absoluto.
Rezade unha oración polo círculo interno:
Un vórtice na era da nada onde desgarrar a carne
Para atopar resonancias,
Nunha festa de corvos e insectos luminosos.
Chagas nas mans, cáliz dun corpo vello.
Queda un iris negro repleto de urxencia,
Poros arrepiados fronte ao fío do tempo.
Ao respirar mastigo po e hai unha separación
Dolorosa entre nós e o mundo.
2. LETARGO
Devir unha partícula luminosa nun fondo abisal.
Na experiencia deste caos profundo topei un punto de ancoraxe,
E lancei unha mirada de medo e respecto dende este palco de honra.
Rompín a partitura, e a emoción volveu tornar en pranto.
Nunca foi o mesmo o mapa que o terreo,
Así como tampouco conquistar é coñecer.
A incógnita, un pequeno brote nun esgallo leñoso, en días sen choiva e sen sol.
Unha esperanza vana, pero unha esperanza polo menos.
Un pequeno agarre en caída libre, pero un agarre polo menos.
Nubes negras afogan o sol; unha faísca de vida aparece.
Entre cheiro de lixo e graxa, unha maquinaria onde danzan os ratos.
Rematamos de cargala cruz para vagar en despachos.
Como fuxir do desánimo sen caer no orgullo?
Un lapso de morte e un pulso de azares.
O vento soprando nunha noite de xasmín.
O nacemento dun can sobre cemento espido.
O son do atlántico a finais de abril.
As mans tendidas nun festín para compartir.
[...]
O camiño á luz é de frío e feridas.
3. DISTRACCIÓN
Unha bolboreta salta dunha flor a outra, danzando contra o vento;
así como nos agarramos ás copas, exhalando o suave polen da primavera. Só ás veces hai silencio: un tesouro dourado que hai que gardar profundo nun presente que é lume, onde temos a mesma fame.
Un corazón non se oxida no baile
Unha oración faise grande no xesto
Somos eu e son todos, brazos e estrelas entrelazados nunha orxía cuántica. Un arjé que palpita detrás do peito, e brilla en pingas de suor. Delicada cuestión do sexo alén do corpo: a última fronteira.
Non hai confíns no ventre da nai.
Pisamos o ser se pisamos a sombra?
Risible medir o brillo de mil soles...
Asinamos o armisticio nunha caída de pestanas.
Unha marca de morte en forma de engurra (fai que queiramos) arrincarmos a pel e a usala de alfombra onde limpar os nosos pes.
Non hai volta á rutina despois do desexo absoluto, onde os quefaceres deixan de ter sentido. Non hai volta á rutina despois do desexo absoluto, soan notas prateadas dun comezo que sempre estivo.
4. ENFOQUE
Unha estancia fractal de arcos, bóvedas e pórticos.
Alegría de infancia nun baúl de xoguetes novos.
Intuición profunda de profundo brillo.
Un líquido feito cristal.
5. UNIÓN
E ao fin, topamos un fogar confortable sobre un leito quente de blasfemia.
Tocados pola graza, construímos un xardín medicinal
Nas interzonas máis grises e abandonadas
Tecendo un mundo dende as feridas abertas,
(tecendo un mundo, tecendo un xardín).
Como un pavo real abrindo as súas plumas.
Como atlas, sostendo todo.
Unha esfera feita de esferas e os ollos de fukuyama no alto dun estandarte.
Satélites caen como unha bágoa, abrasando o rostro da noite.
Unha esfera feita de esferas abrasando o rostro da noite.
Pelos revoltos con cheiro a cisco en corpos cheos de rabia e ósos apertados.
Terra fértil dun compost de envexas e preitos.
Un baile vibrante de pes descalzos:
espírito creativo de finais que comezan.
